
Hoxe é un día especial para moita xentiña, un día que representa unha loita, unha loita pola súa liberdade a ser quen son, a sentirse libres de amar e poder compartir a vida coa súa parella sen ter que sufrir xuizos, desprezos, violencia…
Sempre apoiei ó colectivo LGTBIQ+, mais non fun consciente de que pertencía a el ata o pasado ano, polo que este é o primeiro Día do Orgullo no que participo como muller bisexual.
AVISO: non sei ser breve, enredo eu soa, so sorry!
Vou contar a miña experiencia, por se puidese axudar a alguén. Eu son do sector afortunado: a miña “saída do armario” foi “sinxela” e segura e son consciente de que non é a vivenza de tantísimas persoas… No meu caso, sobre o que máis podo aportar é que, aínda en menos dun ano consciente no colectivo, notei xa diferenzas en cómo se vive e parte da presión extra que se exerce sobre o colectivo. Falarei, pois, da miña visión, dende as diferenzas de vivir unha relación heterosexual, cun home, a ser parella dunha muller, unha relación sáfica.
O meu contexto.
- Por un lado, a sociedade invítanos á heterosexualidade dende a máis tenra infancia así que sendo bisexual, podes encaixar nese marco e, neste sentido, non me estranaría que as persoas bisexuais se desen conta máis tarde (é unha hipótese sacada da manga que non mirei datos).
- Sempre considerei que a “presunción de orientación sexual” debería ser bisexualidade (ou pansexualidade), como un concepto no que calquera pode estar con calquera ou con ninguén sen que rompa ningunha norma “social”, pero obviamente non é así, a presunción é de heterosexualidade.
- Ver deste modo a bisexualidade e ter aceptado o colectivo dende que recordo, estou segura, axudaron a que me fose sinxelo aceptalo en min mesma e, por suposto, saber ou sentir que no meu entorno non sería un motivo de rexeitamento.
“O meu darme conta”.
- Eu dinme conta bastante tarde, xa con máis de 30 anos (évos o que hai).
- Sí pensara de moitas mulleres que eran fermosas e tiña curiosidade por qué se sentiría estando cunha muller e quizais tiven dubidas de se podería ser bisexual, pero non, dende logo, me identificaba coma tal.
- ¿Cómo me din conta? Pois hai xentiña que pensa que “tuviste sexo, te gustó y entonces eres bi”, haha, non xD (si me gustou pero iso foi despois de saber que era bisexual). No meu caso, o que me deixou claro que son bisexual foron os sentimentos. Identificar nunha conversa “mundana” falando con unha muller (esa muller, claro, non me pasara antes) os sentimentos que me espertaba, fixéronme asentir sen dubidar que era bisexual.
“A saída do armario”. Póñoa entre comillas porque eu apenas tiven “proceso” neste sentido.
- En canto me din conta, tiven a necesidade de visibilizalo porque sempre me doeu que haxa persoas do colectivo que se teñen que ocultar e penso que quen temos a oportunidade, amosándonos, axudamos ó resto a topar apoio, a normalizalo na sociedade, a aceptarse, a coller valor; así que si, non o calaría.
- Non tardei en comentalo en grupos de amizades (por suposto, tiña que haber que xa o daba por sentado haha) e quedei co meu pai e miña nai para dicírllelo en persoa. Á miña irmá non sei se llo dixen por escrito ou falado, haha, pero hai moita confianza, tanto daba haha.
- Sabía que tanto el coma ela, me aceptarían sen problema e aínda así, vivín “tensión” por uns segundos. Insisto en que saír do armario paréceme tremendamente inxustísimo, é un paso que se ten que repetir en cada contexto e nunca sabes se será un “no hace falta que lo publiques” amosando molestia pola información ó polo contrario de “cómo no me lo dijiste antes” e seguro que máis opcións, pero por abreviar. Pode dicirse de moitos modos, non ter que ser directo, senón falando dos nosos intereses ou da nosa parella pero hai coma unha sensación de alerta nese momento, “a ver cómo reaccionan”.
- Fóra da familiar nuclear, sábeno curmá/ns e algunha tía (e a quen llo dixeran meu pai e miña nai, pero esa lista non a levo eu XD). Todavía non houbo encontro coa maioría de familiares para dicírllelo.
- No emprego, se sae unha conversa relacionada, sí fago referencia claramente “á miña moza”, con normalidade e así trato que sexa en todos os contextos.
Diferencias relación hetero e relación sáfica.
- Eu nas miñas relacións previas, todas heterosexuais: xamais sentín medo a seren aceptada por ter a un home como parella. Non temín nin por un segundo que me foran ver raro, ou que me puideran despedir ou non aceptar nun emprego de sabelo (sen entrar na empresa, só a mera sensación de que a túa orientación sexual poida ocasionar tal rexeitamento). O que sí sentía, pero iso ten que ver con outros temas, era que se dicía que tiña mozo, automaticamente algúns homes heterosexuais ían deixar de falarme, pero este é outro melón xD. Así que resumindo, medo a seren aceptada socialmente en:
- Familia nuclear. Neste caso se es independente é máis “seguro” pero se dependes da familia, a carga e a presión deben ser brutais. Un rexeitamento aquí ademais a certas idades ou en certos momentos vitais pode ser tremendamente duro. Sei que isto “é sinxelo de imaxinar” pero vos pido que de verdade vos poñades na pel, ter que dicir algo a unha persoa importante para ti, algo que non escolles pero te define, algo que non é malo pero parte da sociedade todavía rexeita (quizais esa persoa á que llo queres dicir), algo que te posicionará nun colectivo vítima de gran cantidade de ataques. Só con pensar en dar o paso: a tensión, o medo, as inseguridades, o buscar o momento axeitado… Cando pensamos no acto en si podemos dicir, “pois se non te aceptan, que lles dean” pero iso nós, que estamos fóra, estando dentro non é tan sinxelo, implica romper relacións máis ou menos estables pero xa coñecidas, un salto ó baleiro en moitos casos, quizais aceptar a perda dunha relación, quizás perder o soporte económico, o teito, a aceptación, o apoio… É moi duro. Amosar que cada vez en máis familias se acepta, que as persoas do colectivo non son un estereotipo pechado, que saír do armario non cambia á persoa, é a mesma, e é tan única coma era antes só que agora se amosará como sinte, con liberdade. Ó colectivo pertencen persoas de todo tipo, como aquelas fóra do colectivo e merecen as mesmas oportunidades e aceptación.
- Medo a ser rexeitada nun posto de traballo.
- Medo a unha agresión homófoba. Isto foi cambiando e é certo que as novas e o incremento de agresións homofóbicas o avivan este medo, pero era algo que antes, un xesto como bicar ó meu mozo, non me espertaba as alertas; pero claro, “non podemos vivir con medo” e hai que “arriscar” para ter unha vida libre.
- Medo a danar as relacións da túa parella. Como a saída do armario nunca é total, nunca sabes cando visibilizarte a ti, pode facer que unha persoa amiga ou familiar ou compi de traballo (ou a saber) que non o sabía, pase a sabelo e isto teña consecuencias negativas sobre a túa parella.
- Calar para non molestar/facer dano/non buscar problemas/por medo. Ter que ocultar “este pequeno dato” a X familiar porque non o aceptará e iso pode “arruinar” as comidas familiares ou incluso romper unha familia. ¿Cómo pode ser que o amor entre dúas persoas adultas e libres poida xerar este tipo de reaccións? ¿Qué clase de sociedade temos? Son retóricas, claro, pasan e quen leva o peso non soe ser que crearía realmente o conflito (quen alzaría o dedo acusador acompañado de desprezos) senón unha persoa que está abrindo a súa realidade e expoñéndose para poder vivir libre expresando o seu amor. En moitas ocasións, esta parálise, esta ocultación é preventiva “por se acaso lle senta mal”.
- Vivir nas sombras ou a relación en secreto. Pois iso… ter que limitar as mostrar de cariño a certos contextos, finxir que só son amizades no resto ou colegas de traballo… ¿cómo de duro é que a persoa á que amas te oculte? ¿Cómo de duro é ocultar a quen amas? Pensade nas situacións que se poden dar… que esa persoa reciba unha mala nova en público e teñas que limitar as túas reaccións por se son “mal interpretadas”, ver como “bromean” coa túa parella de se liga ou non con alguén do sexo oposto ou incluso a intentar xuntar con esa persoa mentres tes que vivir en silencio que é a ti a quen ama ou ti mirar á túa parella mentres tes que “seguir” a broma. Hai tantísimas situacións durísimas que nin me plantexara cando vivía relacións heterosexuais.
- Por suposto, escoitando a membros do colectivo saen moitísimas máis e moitas que agora mesmo non teño presentes pero, de seguro, se preguntades, vos darán a coñecer máis.
As miñas conclusións e propostas. Recordo que esta é a miña visión individual e que as miñas vivenzas dentro do colectivo son escasas e se basean nas miñas impresións por vivenzas propias ou alleas.
- Nunha relación homosexual hai como un estado de alerta constante.
- A liberdade todavía está lonxe de ser real e toca dar moitos pasos para poder mostrarse.
- Debemos dar apoio ás persoas do colectivo e darlles unha visibilidade normalizada, sen ocultar, non só directamente senón naturalizando este tipo de relacións en conversas.
- Non rir as bromas homófobas, pois esa resposta (aínda que sexa por presión social) dá a quen a fai sensación de aceptación.
- Escoitemos as súas vivenzas e tratemos de poñernos realmente no seu lugar e ofrecer a nosa man.
Si aínda falo do coletivo como se non formase parte del porque realmente sinto que teño moita sorte de non ter vivido moito do que sufren e polo que loitan pero, son unha máis na loita.
E a ti, vida, grazas

por amosarme como son en realidade,
por permitirme coñecerme,
por querer que fagamos esta viaxe xuntas.
