Sesión 29. Galerías de arte e rocha – Diario de Sesións. Furia Demoníaca: saír do Abismo.

E quén veñen sendo estas personaxes

(Detalle do grupo de personaxes)

Sesión Sesión 29. Galerías de arte e rocha – Diario de Sesións. Furia Demoníaca: saír do Abismo.

— Perspectiva de Breina

Non o admitirei nunca pero cabe a posibilidade de que lle acabe por ter fobia ás covas porén teño que admitir que esta ten algo especial. De seguro que a meu curmán lle ha de estar semellando fermosa, acolledora ou algo así. Está chea de estalactitas e estalagmitas polas que se ve avanzar mansamente pinguiñas de auga. Nas paredes hai gravuras con forma de espiral e chéganos un cheiro cun toque metálico. Hai algo extraño no ambiente, coma se o aire estivese enxordecido. Atopámonos nunha bifurcación, o que nos obriga a tomar unha decisión, ¡coa de tempo que levamos xa ás voltas e seguimos sen ser capaces de acordar cousas con rapidez! Silge e K’nelitah propoñen ir pola esquerda, seguindo os rastros do derro. Estou de acordo, sen dúbida parece… a ver, non o máis cabal pero si o máis coherente co que nos levou ata alí. Sen embargo, Oroko non atende a razóns, estáselle indo a cabeza de vez. Volve oír a voz do seu “lucerito”, di que está indo polo corredor da dereita e non hai forma de convencelo de que non a siga. Temendo que non volva, o resto decidimos acompañalo… por tentar mantelo dunha peza.

Silge e K’nelitah descenden sixilosamente unhas escaleiras e dan cunha zona de covas na que conseguen ver unha derro. Está de pé ó carón dunha greta. Ven que se pon en crequenas, colle un fungo, pápao… e, ¡encolle! Faise pequena e desaparece a través da greta. Alguén debería escribir unha historia con isto. Achéganse e para asegurarse pero non hai ninguén alí ou cando menos iso é o que poden afirmar tendo en conta que a única luz que alí hai é a do Faerzress. Ven varios tipos de fungo e sinais de que posiblemente houbese outros que foron arrincados.

Mentres, o resto camiñamos polo outro corredor seguindo a marcha demente de Oroko. O cheiro a ferro que había nos túneles vaise intensificando conforme avanzamos. Ademais, percíbese un fedor tremendamente desagradable… que non tardamos en ver que emana da carne putrefacta que hai esparexida por todas partes: restos de humanoides de diferentes tamaños e especies. A escena ten unha banda sonora curiosa, un run run, un son ritual que emite un ser corcovado no medio daquela carnicería macabra. Non vomitamos todo o que deberiamos ó longo deste tempo, estou convencida. E por moito que creamos que xa está, que todo ten un tope, descubrimos unha e outra vez que non, que sempre hai oco para a sorpresa. Cando reparamos con calma na figura recoñecemos a Buppido que nos fala cunha voz extraña… Canto máis miramos, peor parece o conto: as paredes están inzadas de restos de corpos, de vísceras… semella un collage perverso e noxento. Buppido parece considerar que é o escenario perfecto para se sincerar connosco e comeza a falar:

“Son un deus no corpo dun derro, deidade da fortaleza. Vide, axudareivos no camiño que vos leve a fundirnos nun só ente”.

Despedazándonos e pegándonos despois a cachos. Soa fantástico.

E entón Buppido desaparece, aínda máis fantástico!

Tan fantástico que case sen pensalo lanzo unha frecha ó último sitio no que o vin que non lle dá a nada máis có meu orgullo que si sae algo ferido. Decátome de que K’anelitah e Silge, mercede a esas pernas longas que teñen, deron volta e xa están canda nós, cando oio recitar a Sarith por enésima vez a súa petición a Silge de que marchen a Neverligth Groove. Prestaríalle atención de non ser porque me ten ata os cornos con esa leria e porque de fondo se oen unhas palabras raras que medio soan a infernal procedentes de onde estaba Buppido. O son vaise alonxando… ata que xa non se oe nada máis. Jimjar dispara cara ó derradeiro lugar onde oíu o son pero tampouco consegue darlle a nada. De súpeto, a cara de Oroko comeza a brillar e empézalle a saír unha barba de plumas rosas con pinta de fráxil e sensible… efecto dos seus susurros no medio do Faerzress. A parte boa é que percibe que conseguiu danar a Buppido. Farlee, con máis ganas de tentar á sorte que a propia Jimjar e sen ganas de aprender en cabeza allea, ten a xenial idea de lanzar un conxuro co que ler os pensamentos. De primeiras, non detecta a ninguén que non sexamos nós pero, ó achegarse un pouco máis, detecta que hai alguén ó outro lado do muro pero non a través do que pensa senón dunha opresión de obediencia. Aínda está explicando isto cando comeza a notar que o chan sólido da cova se converte en areas movedizas nas que se afunde ata os xeonllos. Silge achégase con coidado de non sacar os pés da superficie sólida, saca unha corda e lánzaa atrapando a Farlee polo pulso. Tira por ela e consegue sacar unha perna das areas. Pola súa banda, K’nelitah decatándose de que o esquelete que hai na mesa xunto a que se atopaba antes Buppido comeza a erguerse, avanza cara á parede na que estaba Farlee e lanza un lume feérico (o Faerzress só me preocupa a min???) tentando detectar o que poida haber do outro lado. Coma consecuencia, a humidade comeza a aumentar ó seu arredor, creándose unha nube de néboa mesta que nos envolve a tod@s. Avanzo un pouco ás tentas… e detéñome. Case parece que estou a agardar a que a morte me atope… Sarith busca a Silge, precisa velo, así que lanza unhas luces danzantes que provocan que medre e se converta en xigante. Notamos que Buppido lanza unha maxia fría… pero non consegue darnos.

“Os poderes dun deus sempre están comigo”.

En fin…

Jimjar, sempre tan solícita, ofrécese a chimpar enriba de Sarith para tentar ver por fóra da néboa. Animámola… pero só consegue agarrarse dos pantalóns, arrastrándollos e deixándoo medio en porranchas. Oroko ponse a canturrear para contactar con lucerito. Non o consegue pero si nota que o son non chega á outra cova, coma se non puidese atravesar o espazo. Avanza cara á entrada da cova sanguenta e, cando se pega á parede, nota que o son cambia. Agora nota que na cova hai algo que se move cun son de óso sobre pedra; mentres o son de fóra está máis atenuado. Coa axuda de Silge e Sarith, non gracias á súa habilidade, Farlee consegue saír da poza e poñerse a resgardo pegada á parede máis próxima. Discuten sobre que facer e deciden marchar pero por máis que berran, o son non chega á sala na que nos atopamos Oroko e mais eu. Esperto que é Silge, parécelle raro e avanza ata chegar a nós e darnos o recado. Despois, marcha. Parécenos ben marchar con el pero, antes de que poidamos facelo, un esquelete formado por anacos de corpos diferentes ataca a Oroko pegándolle un machetazo… e facendo estou par unha das plumas que ten por barba. Tenta atacalo de novo pero esvara e cae de costas. Aproveito para arrearlle un espadazo. Buppido segue á súa, lanzando conxuros nun idioma que non entendemos pero cun ton que fai que nos percorra un calafrío. Jimjar consegue saltar sobre Sarith e ve que hai varios esqueletes que corren cara ó grupo. Un deles, de feito, estámpase contra min.

¡Au!

Farlee lanza un conxuro de vento tentando disipar a néboa. Consegue establecer unha liña de visión limpa na que están os esqueletes e Buppido, á quen consegue por obra e gracia do Faerzress, descubríndolle a Silge o seu paradoiro e permitindo que lle lance a súa marca de cazador. Semella que non hai resposta por parte do Faerzress pero o certo é que Silge sinte que pode vencer á morte. Avanza, ataca a un esquelete coa súa espada.

E falla.

Oroko sofre o ataque dun esquelete ó que lle parecera xenial apuntar coas súas plumas. En fin, mala idea. Por sorte, K’nelitah decide facer algo máis ca estar cos brazos abertos por ver de notar pasar xente e rebenta a un esquelete. Sarith e mais eu unímonos para atacar pero damos bastante pena. Menos mal que K’nelitah segue lanzada e consegue evitar un ataque de Buppido que con toda a súa valentía corre a agocharse tralo altar. Ósos van e veñen tentando darnos e conseguíndoo por veces. Oroko segue emperrado en se mancar facendo estoupar as súas plumas. Este pobriño nunca tivo moi claro cando chega o momento de parar… A nosa pirómana particular emprega a poción ataque de dragón e mata un esquelete mentres Silge e K’nelitah seguen loitando contra ós outros.

Isto parece o conto de nunca rematar.

NPCs

[As imaxes amosadas a continuación son as que empreguei na campaña privada pero teñen os seus lexítimos dereitos, indico aqueles das que atopo a autoría. Os sexos e xéneros das criaturas poden non coincidir cos da campaña orixinal xa que aplico certos criterios na miña dirección como máster]

SarithBuppidoJimjarStoolHemezh

Ver o listado de sesións: Diario de Sesións – Furia Demoníaca

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *