Sesión 32. Alguén dixo Demogorgon? – Diario de Sesións. Furia Demoníaca: saír do Abismo.

E quén veñen sendo estas personaxes

(Detalle do grupo de personaxes)

Sesión Sesión 32. Alguén dixo Demogorgon? – Diario de Sesións. Furia Demoníaca: saír do Abismo.

— Perspectiva de Silge

Despois de recuperarnos do combate anterior seguimos explorando na busca dos nosos obxectivos. Avanzamos por un dos túneles da esquerda no que detectamos unhas pegadas que identificamos como de derro. Chegados a una bifurcación as pegadas veñen da dereita polo que decidimos coller ese camiño. Farlee envía a Ragnar pola outra bifurcación para ver se estamos a tomar o camiño errado. Chegamos a unha sala na que percibimos certo cheiro a xofre ademáis de restos como de que alguén estaba a comer nesta zona. Oroko avanza con valentía e transmítenos unha idea do que hai na sala. Ó fondo vense unhas tenues luces que se moven, como dunha fogueira. K’nelitah tamén avanza e escoita unhas voces na distancia. Non son voces de conversa, están a cantar. Breina tamén avanza mentre Silge acompañá a Farlee na escuridade que os rodea. O grupo móvese en silencio tratando de non ser descuberto. Breina que se pon en cabeza dase conta de que o chan é bastante inestable. Oroko achégase e confirma que se atopan diante dunha trampa. Un pozo cavado no chan e cuberto con algún tipo de tapa non moi resistente. Semella que a trampa non ocupa toda a superficie da sala senón que nos bordes, pegadiños ás paredes, hai un par de carreiros que parecen seguros.

Breina, que segue indo en cabeza, detecta ademáis a presenza duns fungos que reaccionan ó movemento ó seu redor cun son estridente, como dun grito, e que a miúdo se utilizan a modo de alarma.

K’nelitah e Farlee avanzan por un dos laterais da trampa e chegan ó final sen seren detectadas polo fungo alarma nin atopar ningunha outra trampa. Silge avanza pola outra beira da trampa tamén ata o final e percibe unha leve respiración que identifica como algún tipo de besta que se atopa no seu camiño.

Nese momento Jimjar, como boa axente do caos que é, decide nunha sorte de ruleta rusa atacar ó fungo coa sua besta. Non consegue tumbalo dun só impacto polo que Oroko tamén o ataca coa súa propia besta. O fungo segue sen caer e comeza a emitir un berrido que retumba en toda a caverna. Do outro lado comezan a escoitarse ladridos e sons de bestas que rabuñan nunha porta. As voces que antes estaban cantando comezan a berrar “Demogorgon!!!”. K’nelitah remata ó fugo cos seus puños. O grupo decide entón volver sobre os seus pasos e utilizar a trampa no seu favor, como un tipo de barreira contra o inimigo.

Nese momento un eco di “quén anda ahí?”, como unha voz dobre que provén do fondo da sala. Alguén berra en infracomún “INTRUSOS” e os cánticos cesan de súpeto e comezan a escoitarse sons de armas. Una das voces continúa cos cánticos “Demogorgon, Demogorgon, Demogorgon…”.

Un dos cans liberados avanza cara a K’nelitah e esta ataca cos seus puños para defenderse. Tras impactar decide recuar e atravesar a trampa xunto co resto do grupo. Farlee intenta durmir ó can usando un dos seus conxuros que por pouco non consegue o seu obxectivo. O que si sucede é que Farlee deixa un rastro rosado ó seu paso facilitando ós seus compañeiros a súa localización, cousas do Faerzress.

Entre Silge e Breina conseguen derrubar ó can cos seus disparos. Xusto nese intre unha xiganta aparece á altura do corpo do can amosando interese no rastro rosado que deixa Farlee. Oroko lanza uns susurros disonantes que conseguen danar ó inimigo. K’nelitah ataca ca súa onda e tamén consegue impactar nun derro que se achegaba.

Farlee decide entón facer uso do seu novo poder e lanzar unha enorme bola de lume que impacta tanto no derro eliminandoo no instante como na xiganta. Silge aproveita o flash de luz temporal para atacar ca súa besta e impactar na xiganta que está considerablemente enfadada.

Breina avanza sobre a trampa e intenta atacar pero os derros atacan cos seus arcos e conseguen prender a tapa da trampa facendo caer a Breina no pozo rodeada de ácido. Oroko recolle a corda que leva Silge e lánzalla hábilmente a Breina que consegue suxeitala. K’nelitah turra rápidamente da corda sacando a Breina do ácido e do pozo.

Mentres Farlee, Breina e Silge avanzan, a xiganta volve aparecer en escena, lanza una corda e consegue atrapar a Oroko e atraelo cara a ela pouco a pouco. Jimjar consegue liberar a Oroko e comeza a facer contas do ouro que acaba de gañar nesa beneficiosa aposta. Oroko tumba a dous derros máis co conxuro facer anacos e como efecto secundario do faerzress encolle 6 pulgadas.

Farlee destrúe á xiganta con outra bola de lume que impacta de cheo. Como efecto secundario recupera parte do seu poder máxico gastado… simplemente Farlee.

Oroko, confuso e encollido polos efectos dos seus conxuros comeza a corretear por todas partes alegre pola victoria. O resto do grupo inspecciona a zona na busca de obxectos de utilidade ou algún tipo de pista.

A estas alturas isto xa se trata dun día máis nas aventuras dos nosos amigos na perigosidade da infraescuridade. Que lles pasará na próxima aventura? Non o perdades.

NPCs

[As imaxes amosadas a continuación son as que empreguei na campaña privada pero teñen os seus lexítimos dereitos, indico aqueles das que atopo a autoría. Os sexos e xéneros das criaturas poden non coincidir cos da campaña orixinal xa que aplico certos criterios na miña dirección como máster]

SarithBuppidoJimjarStoolHemezh

Ver o listado de sesións: Diario de Sesións – Furia Demoníaca

Leave a Comment

Comments

No comments yet. Why don’t you start the discussion?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *