
E quén veñen sendo estas personaxes
(Detalle do grupo de personaxes)
Sesión 10. Mariñeir@s de auga doce.
— Perspectiva de Breina —
Por veces belisco un brazo para asegurarme de se estou esperta ou estou soñando. Non sei se me atopo no medio dunha película de terror ou dunha comedia absurda. Hai un bicharraco xigante no medio da auga e cada vez que se move fai que a marea nos zorregue; os zumbados adoradores de deidades que non son quen de distinguir non paran de moverse en círculos, de mirarnos e sinalarnos. Que se pode facer nesta situación? Pois mogollón de estupideces. Silge, na súa versión translúcida, marchou correndo coma unha pita sen cabeza buscando algo que só el sabe… e o parvo do meu curmán (que mira que o quero que é familia pero ás veces moito non dá) marchou atrás del acompañado por Farlee (¿que pode saír mal?) e por unha Kanelitah moi inspirada montando un espectáculo de luces que se debe de estar vendo en toda a infraescuridade.

Silge pregúntalle algo a un Kuo Toa paralizado (claramente unha gran idea)… e o tipo desmáiaselle diante. Así que proba a preguntarlle a un que está toleando e correndo en círculos. Este sinala para un lado e Silge segue esa dirección mentres nos berra que vai á cabana do Chamán. Silge e Oroko avanzan sen problemas pero Kanelitah e Farlee quedan atrapadas por un Kuo Toa. Tentan convencelo falando con el de que as deixe pasar pero el está convencido de que somos culpables de que a Nai Profunda (que debe ser o bicharraco de marras) saíse da auga para atacar. Vendo que as palabras non funcionan, deciden arrearlle. Que vos vou dicir, non pinta ben a cousa, así que tento botarlles unha man cunha frecha certeira dende a distancia. Aí quedou o Kuo Toa feito un trapo. E podían dar as gracias ou parar un minuto a razoar pero non, seguen correndo cara á Silge e Oroko… sendo adiantadas de forma un pelín vergoñenta por Sarith. Silge achégase a unha cabana e percibe un forte cheiro a podre. Non parece que sexa esa. Oroko ségueo e bate con outro Kuo Toa caendo ó chan e evitando de chiripa que trabe nel. Silge tira por el e sácao e chegan ó acordo de revisar cabanas por separado. Oroko asómase a unha na que hai tres Kuo Toa abrazándose entre si e chapuzando na auga que entra. Hai restos de comida e algunhas lanzas pero nada indica que sexa a casa do Chamán.
Pola súa banda, Silge ve algunhas sombras e nota que algo lle toca as costas… é o Chamán que o agarra e tira por el arrastrándoo dentro da cabana mentres lle di un nada tranquilizador “chegas tarde”. Vai ti saber o motivo polo que estaba a agardar por el. Despois de evitar a un Kuo Toa bastante agresivo, Kanelitah e Farlee deciden unirse á búsqueda do Chamán. E, entón, pasou. Farlee decidíu facer unha das súas e meteuse dentro dunha cabana sen coidado ningún. Que vale que a tipa non ve un pemento se non se coloca xusto debaixo dunha farola pero, non sei, parar un minutiño a ver se se oe algo antes de entrar coma un elefante nunha cacharrería… O caso é que se meteu onde non debía e lle deron por todas partes: ó chegar e ó marchar. Non podo facer máis ca negar coa cabeza e poñer os ollos en branco.
Estou moi lonxe avanzando ó ritmo de Fango, Stool e esta outra xentiña. Case esquecera que no grupo está Hemeth pero a súa voz chégame clara dende atrás: “déixaos ir, collamos un barco e marchemos”. Dígolle que non porque quedaría feo e me dá medo navegar que senón aí quedaba está panda de imprudentes. Nestas andamos cando unha onda enorme entra na terra e nos leva por diante. A cousa estase a poñer cada vez peor e, ¡mira que parecía difícil! A imaxe dalgúns Kuo Toa voando despois de ser agarrados e lanzados polo bicharraco non contribúe en nada á miña tranquilidade. O Chamán dálle a Silge un libro escrito en común antigo. “Al pasado viajas tú y viajas para arreglar el pasado. Cuando arregles el pasado, vas al sitio acordado”. Silge mete o libro nos calzóns, á espera de atopar a quen o poida ler. É unha especie de diario de máis de 100 anos. Ademais do libro, o Chamán ten un obxecto máxico para Silge. Non vou entrar en detalles pero Kanelitah fixo de Kanelitah. Con todo, conseguiron que intercambiase o seu cetro polo obxecto de Silge: un cetro por un tambor. Bo negocio. Así saltaba de contento Glu… Dinos, xa de paso, que ó príncipe da súa aldea se lle meteu a nova deidade na cabeza e que non foi quen de evitalo. O ritual para que Silge invoque a quen sexa que teña que invocar é: “Gith, escoita, lembra o teu pasado, lembra as batallas. Este é o ritmo e esta é a danza”. Como último “regalo”, Glu decide darlles os augurios: son malos. Para subliñar o evidente, ben podía quedar calado. ¡Será gafe o tipo!

Mentres na cabana do Chamán acontece todo isto, Farlee aplica o aprendido hoxe e asómase a unha casa tentando percibir antes o que hai no seu interior. Nota un forte fedor a tripas e ó mirar cara ó chan ve sangue e oe uns estraños cánticos en Kuo Toa. Curiosamente, por tratarse dela, non por outra cousa, decide recuar e quedar quieta. Lanzo unha rede e atrapo con ela a un Kuo Toa que se lle achega. Non sei se é pola rede ou pola sorpresa que o tipo queda parado. O bicharraco lanza un bote que escacha e cae sobre nós unha choiva de rachas xigantes. Salvo Jimjar, conseguimos esquivalas. Kanelitah márcase un movemento ninja moi aparente e devólveas sen sufrir dano. Aproveito para curar a Farlee que acaba de levar outro golpe dun Kuo Toa e xa empeza a non saber por onde lle chove. Noto un golpetazo. Debería ter estado máis pendente para que non me arreasen a min tamén.
Decidimos ir pola auga nun barco que pode co noso peso. Imos ir un pouco apertadas pero tendo en conta como están as cousas non é para andarse con remilgos. Saltamos dentro, con máis ou menos axilidade (e sorte) e repartimos os remos mentres Kanelitah se fai coa ballesta.

Avanzamos polo lago, non hai nada de luz. Hemezh propón que quen poida ilumine o camiño. Temos certas reticencias porque non queremos chamar a atención pero o medo a embarrancar fai que cedamos. Kanelitah lanza as súas luces danzarinas e vemos que conforme avanzamos a auga se vai calmando. Hemezh propón que nos dirixamos a Gracklstugh, a Cidade das Espadas, e Buppido ponse a presumir do casoplón que ten alí. Menos mal que polo menos ten o detalle de convidarnos a aloxarnos nel. Nesa cidade poderiamos atoparnos con Werz Saltbaron e Ylsa Henstak por se queremos mercadear. Mercar unhas bragas limpas co diñeiro que me debe Jimjar sería brutal. Pero iso é o futuro, agora hai que centrarse e aprender a navegar. Na barca temos seis virotes para a ballesta e unha cana que non se atopa no seu momento. Hai algunha cousa máis… pero non me fixo moito. Dividímonos para facer as gardas e manter un avance continuo. A primeira é tranquila. Durante a segunda, Oroko comeza a escoitar o son dunha fervenza mentres nota que a barca gaña velocidade e ten un rumbo diferente do que queremos. Berra e tentamos remar contra á corrente pero sen éxito: arrástranos e caemos ó baleiro.
Unha ostia fina.
Farlee, inconsciente, ¡que sorpresa! Dá gusto que nesta época tola que estamos vivindo haxa algunha rutina á que agarrarse.
Estamos nunha poza. É unha zona máis escura, máis estreita e de maniobrabilidade complicada. Mentres tentamos repoñernos e curar a quen peor parada saíu, Kanelitah bota un ollo e ve movementos baixa a auga. Xenial, manta-raias. Escarallamos un remo e o casco do barco. E, para máis, xa temos a Shuushar “aportando” e rompéndonos os cornos con que hai que ir cara ó noroeste. Colle un remo e acompañámolo Silge, Jimjar, Farlee e mais eu mentres Oroko se dedica a facer un recital relaxante para que nos vaiamos recuperando.
Música nunha escuridade húmida na que nos internamos nunha barca tocada guiada por un peixe, ¿que pode saír mal?
NPCs
[As imaxes amosadas a continuación son as que empreguei na campaña privada pero teñen os seus lexítimos dereitos, indico aqueles das que atopo a autoría. Os sexos e xéneros das criaturas poden non coincidir cos da campaña orixinal xa que aplico certos criterios na miña dirección como máster]
