Sesión 43. Si, imos a Neverlight Grove – Diario de Sesións. Furia Demoníaca: saír do Abismo

E quén veñen sendo estas personaxes

(Detalle do grupo de personaxes)

Sesión Sesión 43. Si, imos a Neverligth Grove – Diario de Sesións. Furia Demoníaca: saír do Abismo.

— Perspectiva de Oroko 

O quotoa que subíu na nosa barca, Sloopidob, arcipreste da Sociedade do Esplendor, infórmanos de que sabe por Blurg que entre nós hai un “ser moi interesante co que experimentar”… asumimos que fala de Silge. Di querer tentar tratalo para que non morra. Fiarse desta xente é un pouco así pero tampouco parece que haxa xa moita alternativa. Quere que eu estea presente na conversa porque lle chegou a miña sona de especialista en plantas. Non podo evitar que se me encha o peito de orgullo, ¡xa era hora de que alguén recoñecese as miñas habilidades e coñecementos! Pero non podo evitar ter un pouco de medo asumindo a responsabilidade que implica porque, a fin de contas, chamarlle plantas ás cousas que hai na Infraescuridade e pretender que eu as coñeza igual se sae un pouco do meu campo…

Sexa como for, tras analizar e estudar a mostra que tomaron de Silge, chegaron á conclusión de que non lles parece que esa cousa que lle está a medrar por riba sexa unha plaga senón que semella máis ben un desequilibrio: cren que as esporas corromperon o equilibrio natural do corpo de Silge. Como xa supoñiamos, transmítense por contacto dun individuo a outro. Sloopidob di que hai que probar formas de acabar con elas pero non quere abandonar a súa filosofía de Paz, polo que avoga por tratamentos diferentes de arrincar as esporas de raíz… máis ou menos arriscados.

Teremos que ter en conta, o nivel de progreso da infección en cada individuo. Nas primeiras etapas da infección, na enfermidade incipiente, podemos tentar interromper o crecemento. Propón que fagamos un ungüento cos fungos de zhurck. A dificultade radica en escollelos no seu punto exacto: nin moi verdes nin tirando a podres, xa que poderiamos matar ó paciente accidentalmente.

Pasado este momento, cando a enfermidade xa é evidente pero non chegou a un punto de non retorno (por así dicilo) podemos usar un fungo velonoso para conseguir un extracto purificado das súas esporas. Tal e como o describe, un fungo con liñas vermellas e laranxas, creo que fala do Timmask. Independentemente do que poida opinar sobre traballar con cousas velenosas, ó perigo que isto poida implicar engádese a dificultade de que imos precisar habilidades curativas e de creación de pócimas. Supoñendo que sexamos capaces de fabricar o remedio e de que cheguemos a tempo, se este funciona, en función do estadío da enfermidade, o portador atoparase mal ou peor (unha idea moi tranquilizadora, tamén). Remarca que non convén aplicar unha dose alta do remedio de primeiras senón ir probando ós poucos ata dar coa dose xusta para evitar efectos adversos graves.

A cuestión radica en que os fungos están conectados a unha especie de mente colmea, polo que debemos ter moito coidado e non “desconectar” ó suxeito á brava porque podería ser que non fose capaz de sobrevivir.

Podemos saber que nos atopamos no final desta segunda fase ou, peor, comezo da terceira, por síntomas coma cambios no comportamento do portador. Podería botarlle moita literatura pero veñen ser os comportamentos de Sarith: ollos en branco, obsesión con marchar de excursión, bailoteos…

Se chegamos a este punto, só nos queda tentar reverter o dano cerebral: a enfermidade afectou por completo á mente. Aquí Sloopidop xa non parece demasiado optimista coas posibilidades de éxito pero hai que recoñecer que mantén o seu entusiasmo investigador. Fálanos da Biblioteca de Graven Hollow. Di que alí poderemos atopar uns cristais de grande poder que poderemos empregar para provocar un letargo no portador que nos permita gañar tempo para conseguir a súa cura. Debemos ter coidado, iso si, de non pasarnos e aletargalo para a eternidade: se o suxeito queda vinculado ó cristal debemos poder acceder de novo á Biblioteca para desvinculalo. Ata aquí, todo ben. Dende aquí, sexamos conscientes de que na ignorancia se vive mellor e non sempre a información é poder: a Biblioteca foi tallada nos ósos do mundo e protexida por maxia, unha maxia intelixente que pode evitar que accedan as persoas que non merecen entrar e favorecer ás que si. Isto implica que para chegar a ela deberemos demostrar que merecemos acceder. Debimos poñer cara de pampas cando dixo isto porque en seguida nos deu máis indicacións (tan claras e sinxelas de aplicar coma as anteriores): recoméndanos falar con Ghazrim DuLoc, un fulano que se move por Mantol-Derith, unha cidade ambulante, ¡claro que si!, que teremos algunha posibilidade de localizar se nos diriximos cara á Blingdstone.

Volvendo ó punto do que partiamos, o letargo non cura á criatura, só dá algunha posibilidade de mantela con vida. O tratamento efectivo require conseugir unha Sussur Blomm ou Flor de Sussur. Poderiamos atopala en Menzoberranzam… ou, se nos parece moi lonxe e/ou complicado, arriscar e cruzar os dedos para que as haxa en Neverligth Grove. Unha vez teñamos a flor, deberemos facer un ritual cun obxecto que conte con gran poder de curación, probablemente un cristal, para combinalo cuns rezos e o poder curativo da planta. Iso si, sería ben coñecer a orixe dos fungos para poder orientar mellor o ritual e extirpar os fungos do cerebro.

Semella que o máis seguro para conseguir a flor sería ir a Menzoberranzam pero Kanelitah emperrénchase e négase en redondo. Ante este berrinche, Sloopidop sinala que temos tamén a opción de buscar baixo Gracklstugh.

Oroko pregúntalle a Rumpadump se sabe algo de todo isto. Fala de ritos inquietantes, de movementos rítmicos, pensamentos estraños… Isto lévanos a pensar que descoñecemos o momento no que se infectou Sarith. Botamos a vista a atrás tentando lembrar cando entrou na nosa cela e con quen viña. Para a nosa desgracia, a única que semella ter a información que precisamos é Jimjar que se amosa moi colaborativa despois de xogar connosco ó “xogo da cantimplora”. Non me tocará un premio nesta vida pero tampouco esquecerei nunca ese bico de Flumpy. Jimjar conta que a Sarith o encerraron connosco por atacar a un dos seus compañeiros Drow cando nos estaban capturando, actuou como levado polos demos. Ó tempo ca Sarith que supoñemos que chegou xa infectado, na cela entrou tamén Stool. El foi capturado porque cando foi emboscado mentres viaxaba con outros micónidos se agachou no oco dunha árbore para fuxir do combate e despois non foi quen de saír por quedar atrancado.

Silge pregunta como podemos contactar coa Sociedade do Esplendor no caso de nos faga falla pero semella que non vai ser moi sinxelo: podemos aprender conxuros de teletransporte ou agardar a que aparezan aleatoriamente en zonas de Faerznes. Como terceira opción, podería ser que a Sociedade do Esplendor aumentase o seu número de integrantes de cinco a seis e alguén de nós que posuíse grande intelixencia accedese… pero parece que non damos o nivel. Sloopidob dá a volta, salta á auga e marcha chapuzando.

A insistencia que amosou o arcipreste na posibilidade de que Oroko estea contaxiado (que raro non sería porque mira que refregou a colloada contra o cogote de Silge), fai que este se preocupe, así que marcha con Farlee ó camarote para buscar posibles rastros de infección. Despois de mirar con toda a atención do mundo, Farlee di que o único que lle parece raro é un algo rasposo que ten na ingua que tanto pode ser coma non ser. Haberá que revisalo con frecuencia para ver como evolúe.

Con toda esta nova información, temos que decidir cara á onde dirixirnos. Volver a Gracklstugh, tendo en conta a que liamos para marchar, non nos parece boa idea. Silge propón ir á arboreda para buscar os ingredientes necesario para o remedio necesario para frear a segunda fase da infección (que é na que sospeitamos que está) pero, vendo os tempos de viaxe, optamos por ir a Neverligth Grove. É marabilloso navegar… ¡dásenos tan ben!

No cuarto día de travesía, mentres Farlee e Kanelitah guían a barca, son as principais coñecedoras neste grupo da arte da navegación, asáltannos uns Mantoscuros pero entre Rumpadump e mais eu conseguimos espantalos.

O quinto día, damos cunha corrente de auga que ameaza con afastarnos da nosa ruta. Agarramos os remos para tentar contrarrestala e conseguimos manter o rumbo.

O sexto día, chegamos a unha zona na que temos que pasar por un estreito entre rochas que forman unha especie de túnel. No teito, hai un leito de fungos. A maioría están destrozados pero dá a sensación de que, ciscado entre eles, hai esterco que deberon deixar criaturas… perigosas. Silge e Rumpadump elevan a Kanelitah para que colla un tallo de barril para levar e non esgotar as nosas provisións.

O séptimo día de viaxe, volvemos ter problemas coas correntes pero solventámolos. Comezamos a ter fe en que chegaremos pronto a destino.

O oitavo día, unha criatura se abalanza sobre Farlee dende o aire (ía dicir que dende o ceo pero non creo que sexa aplicable na Infraescuridade) e atácaa co seu peteiro. Lanza un graznido e deixa atordoados a Farlee, Fango, Stool, Kanelitah e Jimjar. Lanzámonos a por el: Oroko cuns susurros disoantes, eu co arco, Jimjar coa espada, Farlee cun raio abrasador, Kanelitah con Guapa e Bonita… a criatura comeza a estar malferida e decatámonos de que non é unha criatura da Infraescuridade. Os Flumpis súmanse ó ataque, a criatura resiste a duras penas… ata que Silge a decapita coa súa espada.

Oroko di que se trataba dun Vrock, un infernal demoníaco que se move nos infernos ou nas zonas nas que haxa demos maiores ós que seguir. Era un cruce de humano e voitre feito de almas cheas de odio capaz de lanzarse dende as alturas para atormentar cos seus chíos.

Todo isto é moi interesante pero unha vez acordado que non nos convence como xantar, guindámolo pola borda. Vemos que xa estamos perto do noso destino e temos que decidir se desembarcar na praia ou tentar meternos por uns túneles acuáticos que, de non embarrancar, nos permitirán achegarnos máis á cidade e reducir os tempos de viaxe. Kanelitah séntese valente así que tiramos polos túneles. Vemos como polas paredes das covas escorrega a auga e como o teito pouco a pouco vai baixando, aínda que non estamos a ter dificultades para pasar. Temos boa visibilidade, Farlee incluída, gracias á presenza de liques luminiscentes.

Pero, como xa descubrimos hai tempo, a tranquilidade e o optimismo nunca duran demasiado. Silge comeza a sentir dor de cabeza, nota coma se na súa mente houbese algo alleo a ela. Comeza a notar pequenos movementos no corpo que non está querendo facer. De súpeto, vemos que se desmaia. Oroko tenta acceder á súa mente e identifica o ritmo do que nos falara Rumpadump pero non os pensamentos de Silge. Kanelitah, sutil como ela soa, arréalle a Silge con tódalas súas ganas e consegue que esperte. Ve a unha criatura que se lle achega: un micónido afín a el que lle tende a man. Cando a toca nota unha conexión “vía micelio”. Abre os ollos e alí nos ve: a nós e á criatura. Silge pídenos que a ataquemos pero nós non a vemos. Silge fala con ela, quere saber porqué está aí e que espera del:

  • Imos á voda da Grande Sementadora, a doncela dos fungos.

Cóntalle, aínda que considera que xa debería sabelo, que tódolos micónidos están convidados a ir, Silge incluído.

Miramos cara á Stool e Rumpadump e non nos dá a sensación de que estean interactuando coa criatura invisible. Silge trasládanos a información que lle deu e os nosos micónidos din non ter coñecemento de nada diso.

Silge aproveita para preguntar por Sarith. Di que xa non se chama así, que deixou atrás ese nome. Poderá velo se o acompaña e aprende a danza.

Entrelazan as mans…

O barco avanza rumbo a Neverlight Grove.

 

NPCs

[As imaxes amosadas a continuación son as que empreguei na campaña privada pero teñen os seus lexítimos dereitos, indico aqueles das que atopo a autoría. Os sexos e xéneros das criaturas poden non coincidir cos da campaña orixinal xa que aplico certos criterios na miña dirección como máster]

SarithBuppidoJimjarStoolHemezh

 

Ver o listado de sesións: Diario de Sesións – Furia Demoníaca

 

Leave a Comment

Comments

No comments yet. Why don’t you start the discussion?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *