Sesión 44. Reencontro entre os fungos – Diario de Sesións. Furia Demoníaca: saír do Abismo

E quén veñen sendo estas personaxes

(Detalle do grupo de personaxes)

Sesión Sesión 44. Reencontro entre os fungos – Diario de Sesións. Furia Demoníaca: saír do Abismo.

— Perspectiva de Silge 

Despois da travesía pola Lagoa escuar, o grupo por fin toca terra preto da famosa arboleda escura. Seguidos polas alucinacións de Silge, o grupo vai avanzando por uns túneles iluminados por unha especia de lucecús que van voando e zumbando o seu redor.

Silge avanza en cabeza guiando ós demais, Detrás del vai K’nelitah que de súpeto se decata de que un noxento líquido verde e pegañento cae do teito. Facendo gala da súa axilidade consegue evitar danos importantes aínda que algunha que outra queimadura do ácido si que sofre. A situación é complicada posto que só Silge pasou ó outro lado e o resto arríscase a que o ácido do limo acabe por deixalos sen o seu prezado equipo. Despois dun anaco de deliberación o grupo ten un plan sólido e sen fisuras, Farlee sacrificarase xenerosamente polo resto lanzando o seu conxuro disco flotante de Tenser para crear unha sorte de paraugas que sirva de cobertura ós demais mentres que ela pasa a base de axilidade e un pouco de sorte. A misión require un nivel de coordinación importante e todos poñen da súa parte para que as cousas saian ben. Todos intentan seguir o ritmo de Farlee para non deixar ningunha parte dos seus corpos descubertos fóra do disco máxico. Jimjar, como non pode ser doutro xeito, ten que dar a nota así que se sube enriba do disco e se deixa levar comodamente, aínda que con algunha que outra queimadura provocada polo ácido. Fango pola súa banda simplemente bota a correr e facendo gala dunha asombrosa axilidade pasa ó outro lado sen consecuencias.

Superado o primeiro dos problemas, o grupo segue avanzando polos túneles e por fin chegan a unha apertura cuberta dunha enorme cantidade e variedade de fungos. O paraíso de calquera herborista, sen dúbida. Rapidamente Breina se dispón a analizar o entorno a ver qué se pode atopar entre todos os fungos. Nese intre Stool lanza as súas esporas e alerta a Breina de que Neverlight Grove non está coma sempre. Algo cambiou. Os fungos, que normalmente medran de xeito ordenado atendendo a ecosistemas e equilibrios naturais, agora están medrando de xeito distinto, descontrolado. Stool suxire facer unha visita ós círculos para consultar sobre cal é a causa e qué está a acontecer na arboleda. Os círculos son, por así dicilo, os órganos de goberno das distintas zonas da arboleda escura. Segundo Stool, o círculo de caza é o que se atopa máis preto e parece unha boa opción para consultar sobre o que está a acontecer.

Cando o grupo se achega ó círculo de caza, Breina observa con detalle uns fungos Zurk e dáse conta de que algúns fungos se moven. Sen ter moito contexto o certo é que resulta sospeitoso e sabiamente decide descartar estes exemplares. Decide achegarse a outros e decátase de que a parte inferior da madeira ten un aroma como a podre polo que, seguindo os consellos de Sloopidob, decide descartalos tamén xa que non están no estado axeitado. Por outra banda, na parte superior do tallo identifica a madeira axeitada para o ungüento que lles axudará a previr contaxiarse coa infección que está a afectar a Silge.

Mentres Breina e K’nelitah se esforzan por obter uns anacos da madeira de Zurk, un micónido adulto aparece para alertalos de que non deberían estar a colleitar cousas na arboleda escura a para saber que é o que os trae ós seus dominios. Atópanse ante o líder do círculo de cazadores, Loobamub.

Silge indica que se dirixen á voda da sementeira, a doncela dos fungos e que é algo moi importante para el e para todos os micónidos. Loobamub non se amosa moi sorprendido xa que é capaz de identificar a infección que lle está a afectar e tamén é consciente de que o resto do grupo non parece afectado. Indícalles que deben ter coidado pois a arboleda xa non é tan pacífica como era. Agora está dividida por unha batalla política entre dúas soberanas, Filo e Basidia. Mentres que Basidia é máis tradicional e avoga pola convivencia e a harmonía entre todas as criaturas da arboleda, Filo promove unha especia de secta, unha mente única que pensa e decide por calquera dos individuos que a compoñen. Desta conversa o grupo extrae moitos datos valiosos. Ademáis de saber que, efectivamente Sarith se atopa na arboleda e que abandonou o seu antigo nome para chamarse Eco Fungith, descobren tamén que un grupo de drows que os perseguían dende Velkynvelve caeu tamén nas garras de filo e agora están, digamos, atrapados na arboleda.

Entre todos os cambios que se están a producir na arboleda, Loomabub indica que tamén se están a producir moitos avistamentos de criaturas alleas á arboleda e se cadra tamén alleas á infraescuridade. Unha das criaturas que máis problemas lles está a causar é un Grik, unha especie de serpe ou annélido con tentáculos na súa boca que se move entre os fungos a moitísima velocidade. Esta criatura consegue esquivar sempre ós non tan áxiles micónidos polo que lles ofrece ó grupo unha recompensa se conseguen acabar con ela. Tendo en conta que precisarán apoio e axuda para saír dunha peza da arboleda, o grupo non dubida un instante en aceptar a proposta coa idea de gañar o favor de Loomabub e quen sabe se tamén o de Basidia.

Póñense mans á obra e facendo uso da experiencia de Breina non tardan en dar co rastro da criatura e de feito atópana acochada nun burato xusto de costas o grupo, o que lles dá certa vantaxe ó inicio do combate. Pero a cousa non resulta tan sinxela, a criatura é forte, está provista dunhas poderosas escamas moi difíciles de atravesar. A maioría dos ataques caen en saco roto e son desviados polas escamas. Ademáis disto, os ataques que conseguen atravesar a armadura apenas lle fan dano á criatura polo que o combate e lento e complexo. Silge e K’nelitah céntranse nos ataques corpo a corpo ata que se achega Rumpadump. O pequeno micónido tenta unha e outra vez atacar á criatura, tanto que consegue amolalo e convértese no branco dos seus contraataques. O grupo comeza a preocuparse pois os golpes que reciben de volta son devastadores e a vitalidade de Rumpadump baixa por momentos. Na retagarda, o grupo que ataca a distancia vese envolto noutro problema grave. Do que parece ser un montículo no chan que se move sae unha criatura semellante a unha pila de broza, o que calquera usaría para a fogueira de san Xoán pero con tentáculos e patas. Este becho consegue atrapar primeiro a Breina e posteriormente a Oroko usando unha especie de enredadeiras. Con moito esforzo tanto Breina como Oroko conseguen liberarse pero co grupo dividido e enfrontando a dous inimigos bastante poderosos, o combate estase a complicar bastante.

De súpeto, o Grik recibe un ataque que provén do fondo da caverna. Silge centra a súa atención e non pode crer o que ven os seus ollos. Sarith está aí. Non é o Sarith que el coñecía, a súa pel está cambiada, a súa cara está deformada e a medio camiño entre a dun Drow e a dun micónido. Pero non cabe dúbida, é Sarith e por algunha razón está a axudalos neste combate. Será que, a pesares do que dixo Sloopidob, aínda queda algo da seu ser nese cerebro corrompido polo micelio? Será que obedece ás ordes de Filo e esta quere que os integrantes do grupo cheguen á voda sans e salvos? O caso é que non é momento para cábalas, hai que desfacerse destes inimigos para dar resposta a estas cuestións, e isto non vai ser unha tarefa sinxela. Poderá o grupo eliminar ó Grik e facerse co favor de Loomabub? Veranse obrigados a unha retirada e un cambio de plans? Terá Silge algunha opción de salvarse da infección ou pasará o resto dos seus días xunto a Eco Fungith como parte da mente colmea creada por Filo e a Sementeira? Teredes que agardar ata o próximo capítulo para descubrilo, non o perdades!!!

 

 

NPCs

[As imaxes amosadas a continuación son as que empreguei na campaña privada pero teñen os seus lexítimos dereitos, indico aqueles das que atopo a autoría. Os sexos e xéneros das criaturas poden non coincidir cos da campaña orixinal xa que aplico certos criterios na miña dirección como máster]

SarithBuppidoJimjarStoolHemezh

 

Ver o listado de sesións: Diario de Sesións – Furia Demoníaca

 

Leave a Comment

Comments

No comments yet. Why don’t you start the discussion?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *