
E quén veñen sendo estas personaxes
(Detalle do grupo de personaxes)
Sesión 11. A avaricia cazou un Kuo Toa.
— Perspectiva de Silge —
Seguimos navegando nun barco por este lago escuro e cheo de perigos. Fuximos de Sloobludop ante a ameaza da terrible criatura á que chaman “Nai profunda”. A infraescuridade é de todo menos amigable. Durante a nosa travesía por este lago atopamos unha pequena illa e mortos de fame, sede, cun remo destrozado e mailo barco danado despois de caer por unha fervenza, decidimos facer unha parada en busca de algunhas posibles provisións. Farlee, Kanelitah, Breina, Silge e Jimjar deciden baixar do barco mentres que o resto quedan facendo reparacións e coidando que o noso único medio de transporte siga ahí cando voltemos.
A illa non é precisamente un paraíso, é unha pedra que apenas asoma sobre a superficie do lago e na que, aparentemente, non hai moita vida máis alá duns fungos denominados nariz de Nilhogg e dos cales Kanelitah se garda algúns porque nunca se sabe o que podes precisar.
Atopamos tamén un pequeno manantial de auga do que decidimos beber sen que notemos consecuencias graves. Ante a previsible longa travesía polo lago, buscamos no barco algún contenedor que nos sirva para gardar a maior cantidade de auga posible. O que atopamos é un barril de 7 galóns con restos de peixe podre. Como podemos vaciamos e limpamos o barril antes de enchelo coa preciada auga que logo cargamos no barco.
O máis parecido a algo comestible que atopamos nesta illa é un banco de pirañas que nos vixía dende a beira do lago. Ante as poucas alternativas decidimos intentar facer uns aparellos de pesca moi rudimentarios e probar sorte. Silge demostra as súas habilidades de supervivencia faiando nos seus intentos de pescar algún dos animais. O que podía ser un bonito día de pesca pronto se converte nun combate sen piedade entre o grupo e mailo banco de pirañas. Por sorte o grupo sae victorioso e consegue unhas 40 libras de carne de piraña que sen tempo que perder Farlee cociña para todos.
Aproveitando este momento de descanso e distensión, Kanelitah conversa con Hemezh intentando coñecer un pouco máis a este duergar. Hemezh comenta que na cidade de Gracklstugh escoitou a historia dun grupo de duergar que buscaban a un tal “Sombrío”, pola cabeza do cal había unha boa recompensa. Este grupo de duergar tendeulle unha emboscada nun camiño no que sabían de certo que o atoparían pero ante a tardanza deste decidiron investigar. Escoitaron un ruído ó lonxe e atoparon un profundo burato no chan ó redor do cal había pegadas que correspondían a dúas criaturas humanoides distintas ás que, ante a situación, deron por mortas.
Pola súa banda Silge comeza a investigar o misterioso libro que lle entregou o chamán kuo toa GluBaiglab. Silge atópase cun diario dunha antigüidade duns 200 anos. Escrito polo xefe dun sacerdocio de Silver Oak. O diario é algo así como un libro de rexistro no que se toma nota das mercadorías que se encargan, da producción da agricultura, etc. Na súa ollada ó libro, Silge atopa unha folla encriptada ante a cal non ten máis remedio que consultar coa experta en temas máxicos. Farlee comenta que esa linguaxe é antiga e típica de druídas. O grupo bota unha man a Silge e conseguen descifrar algunhas das letras que compoñen o texto: * X -> O * H -> M * Delta -> P

De volta no barco, o grupo organiza de novo os turnos para remar e descansar mentres lentamente avanzan polo lago Escuro. De súpeto, un forte golpe sacode o barco facendo caer pola borda a Shuushar e máis Oroko. Silge consegue suxeitar a Shuushar no último momento e evita que este caia á auga. Mentres que o resto do grupo se dá présa para axudar a Oroko, este vese envolto nun remuíño de auga que o arrastra lentamente cara ó fondo. Ante a incapacidade do grupo de rescatar ó seu compañeiro, Shuushar lánzase á auga e consegue agarrar tanto a Oroko como á corda que previamente lanzaron á auga. Entre todos turran da corda e conseguen subir a ambos de novo á cuberta. Xusto nese instante, un segundo golpe fai oscilar o barco tirando á auga a Silge, Breina, Kanelitah, Jimjar e Hemezh. Vendo ó seu inseparable Silge en perigo, Sarith lánzase sen pensar á auga pedíndolle a Breina que o suxeite polos pés. Silge consegue agarrar a man de Sarith e ambos suben de novo á cuberta. Pola súa banda Kanelitah usa a escaleira do barco para subir á cuberta e axuda a Jimjar e Hemezh a poñerse a salvo. Nese mesmo intre un novo golpe fai que Jimjar e Hemezh perdan o seu agarre. Desta vez é Hemezh o obxectivo dese remuíño de auga que o arrastra cara ó fondo do lago. Shuushar comenta que este tipo de criaturas só teñen un alcance de 10 pés polo que ten que estar debaixo do barco. Tamén avisa de que non vai deixar de atacar o barco a menos que teña a alguén con quén entreterse na auga. Sarith rápidamente comprende a situación e despedíndose de Silge lánzase á auga para atacar coa sua bésta en dirección a Hemezh. Kanelitah tamén se lanza á auga e ataca á criatura. Shuushar ataca coa súa rede. Entre todos van pouco a pouco cerrando o cerco ó redor da criatura de xeito que finalmente Silge consegue clavar un virote coa súa bésta deixando marcada a esta criatura invisible. Farlee únese á batalla e utiliza os seus proxectís máxicos para asestar un duro golpe. A criatura asediada polo grupo consegue apresar a Kanelitah e comeza a arrastrala cara ó fondo. A situación complícase por momentos ata que Kanelitah saca forzas de fraqueza e consegue liberarse. Oroko chega ó rescate para destrozar a estra criatura con dous poderosos susurros disonantes rematando así co perigo.
Durante o combate, o grupo decatouse da existencia dun sarcófago no fondo do lago con apariencia antiga e, previsiblemente cheo dos tesouros de algún antigo rei ou emperatriz. Isto é o que pensaron Kanelitah, Silge e Hemezh que levados pola sede de pasta convencen a Shuushar de que bote unha rápida ollada aproveitando as súas habilidade natatorias. O último que saben é que o primeiro que asoma do cofre cando Shuushar o abre é unha man con dedos afiados en forma de garra e que se achegan rápidamente ás mans palmípedas do kuo toa. Será esta a fin do noso escamoso compañeiro? Non poderemos desfrutar nunca máis das súas perturbadoras sestas con eses ollos de mirada penetrante completamente abertos? Agardade á seguinte sesión para coñecer o desenlace, amigas!
NPCs
[As imaxes amosadas a continuación son as que empreguei na campaña privada pero teñen os seus lexítimos dereitos, indico aqueles das que atopo a autoría. Os sexos e xéneros das criaturas poden non coincidir cos da campaña orixinal xa que aplico certos criterios na miña dirección como máster]
Ver o listado de sesións: Diario de Sesións – Furia Demoníaca
