Sesión 35. Ovo cocido, ovo perdido – Diario de Sesións. Furia Demoníaca: saír do Abismo.

E quén veñen sendo estas personaxes

(Detalle do grupo de personaxes)

Sesión Sesión 34. Ovo cocido, ovo perdido – Diario de Sesións. Furia Demoníaca: saír do Abismo.

— Perspectiva de Breina

O ovo que atoparamos era un ovo de dragón vermello, o que convertía en perigoso aplicarlle calor. De entre as pertenzas da derro, sacamos un caderno de notas feito de fungos e escrito en gnómico. Recolle unha oración que pide a transmisión do poder dunha deidade derro a un xemelgo que resulta ser unha deidade traidora e cruel. A Oroko dálle a sensación de que quen escribiu isto está a perder a cabeza… dende logo, fala dende a experiencia pero é bastante evidente polas moitas incoherencias que hai. En todo caso, percibimos animadversión cara á Gradsluck. Ó final do caderno hai unhas notas e derro. Farlee fai un feitizo para entender idiomas para tentar lelo, mentres Oroko se afasta para descansar un pouco (e eu diría que fuxir dos “efectos secundarios” que puidese ter o feitizo). Farlee colle o caderno e, por efecto do Faerznes, dos seus dedos brota unha marea de aceite que cobre as letras. Só lle dá tempo a ver que do monolito brotou unha moeda de ouro máxica antes de que todo quede cuberto.

Visto que do caderno non vai sacar nada máis, achégase ó ovo para examinalo e comprobar se hai vida no seu interior. Cando o toca, sinte como se todo o que hai ó seu arredor desaparecese, calor nas mans e algo que se move dentro da casca. Oroko esperta dese sono e solta a Flumpi, a quen estivera usando de almofada. Inspirado por ese descanso, toma a decisión de ir investigar o obelisco. Parécelle que se tentou manter en bo estado pero está agretado e vense ocos nese metal negro que brilla coma un Faerznes intenso. Achégase e tócao. Non sei que interacción rara terían pero, cando nos damos de conta, Oroko estalle cedendo parte da súa maxia… que fai que o monolito brille con maior intensidade e absorba a Oroko, a min… E a todo o resto porque para cando abro os ollos está todo o mundo tirado, inconsciente ou durmido… nun lugar que eu crera que xa deixaramos atrás. Non podo evitar botarme a chorar.

Ó noso arredor ábrense os túneles polos que estivemos vagando durante días e días antes de entrar en Gradsluck. Kanelitah esperta e observa qeu por alí pasaron outros seres típicos da fauna do lugar. Farlee identifica a zona coma o lugar polo que pasamos cando abandonamos o barco. Observo as pisadas e vexo pegadas de Sarith que se dirixen cara ó sur. Farlee, celosa porque Oroko a liou máis ca ela, decide lanzarlle unha descarga de lume ó ovo que se quenta moitísimo… mentres o que ten dentro se axita. Por efecto do Faernez, a nosa feiticeira convértese en loba. Bueno, non vai moi digna refregándose contra todo o mundo, ouveando e dando claras mostras de querer ser “la perra de Kanelitah” pero cando menos vai parar coa maxia un anaco. Pese a esta pequena enleada, non podemos evitar decatarnos de que Flumpi xa non ten esa cor rosadiña tan mona que tiña cando apareceu, senón que agora é vermello e non para de moverse. Oroko percibe a proximidade do Lago Escuro e decide encamiñarse cara a alá para ver se o que precisa Flumpi é auga.

De camiño, percibimos a presencia dunha orog que se nos planta diante. Kanelitah pon a Guapa e Bonita en posición e pregúntalle que que fai aquí. A orog di que lle dá a sensación de que levamos moito tempo sobrevivindo nos túneles e que ten interese por saber como o fixemos. Presentámonos mentres Farlee se tira panza a arriba e Stool lle dá fregas na panza. A orog di chamarse Blurg e ser membro da Sociedade do Esplendor… coma o inimigo de Silge. Oroko aproveita a ocasión para facerlle preguntas sobre o Faerznes e Blurg cóntanos que se trata dunha enerxía tan poderosa coma antiga. A súa orixe está nunha vella maxia élfica, de cando os elfos escuros foron exiliados por vez primeira. Pode ser utilizada para protexer murallas, bloquea as habilidades de oculatación dos seres e fai aleatorios os conxuros de teleportación. As zonas de Faerznes vanse corrompendo e corrompen tamén ós seres que pasan demasiado tempo nel. Aínda que non pode eliminarse con conxuros de disipar maxia, si pode bloquearse con conxuros antimaxia. Kanelitah, moi interesada no tema e na ponente, pregúntalle onde se reúne a Sociedade do Esplendor. Resulta que se teletransportan e que se algunha falta asumen que é que non puido saír dunha zona de Faerznes. Blurg, poñendo cara de resabida, dille a Silge que claramente o problema que el ten non ten que ver coa loucura, senón dalgo doutra natureza que ela coñece por telo visto en manadas de drows, quadgoth e derros. Trátase dunha enfermidade fúnxica que se apropia do corpo do hóspede e fai que o domine un ser ancestral que os fai ir a Neverlight Grove. Unha vez alí, failles estourar o cerebro e mantén o corpo ó servizo do ser primixenio. Apunta que é posible que se se corta a raíz se remate coa infección pero non pode aseguralo.

Visto que non ten moito que perder, Silge permite que Blurg colla unha mostra desa cousa noxenta que ten na pel para podela estudar. Blurg aconséllanos que saiamos de zona de Faerznes para aplicarlle unha sanación e que podemos atopar unha zona libre a cousa de media hora de camiño cara ó oeste. Despedímonos e continuamos o noso camiño cara ó Lago Escuro. Durante o camiño, Farlee vai perdendo algo de pelo e recupera a súa forma habitual; e Kanelitah aproveita para deleitarnos cos seus coñecementos (contos de vellas) sobre o Faerznes. Curiosamente, non nos ocorre nada durante o percorrido. Cando chegamos á beira do lado, vemos anacos de madeira flotando e non temos a certeza pero tampouco dúbidas de que se trata dos restos do noso barco. Oroko arrímase á auga con Flumpi que retira as patiñas e vai saltando por ela… e recobrando a súa cor rosa tan cuqui.

Agora só nos queda facer memoria e lembrar cal é o mellor camiño a seguir para saírmos de aquí… e quizais volver atopar aquel ovo que tan importante nos pareceu e que ninguén acordou de coller.

NPCs

[As imaxes amosadas a continuación son as que empreguei na campaña privada pero teñen os seus lexítimos dereitos, indico aqueles das que atopo a autoría. Os sexos e xéneros das criaturas poden non coincidir cos da campaña orixinal xa que aplico certos criterios na miña dirección como máster]

SarithBuppidoJimjarStoolHemezh

Ver o listado de sesións: Diario de Sesións – Furia Demoníaca

Leave a Comment

Comments

No comments yet. Why don’t you start the discussion?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *